Ruta de Fontes do Xallas a Castriz
Inicio: Escola de Bazar
Fin: Fervenza de Castriz
NON Circular
Sendeirismo, cicloturismo
14 km
3h 30m
Dificultade: Media-baixa
Grupos de adultos
Sinalización prevista no plan de sinalización 2020
Esta andaina une de maneira lineal dous puntos de grande interese paisaxístico e natural da zona máis ao norte e montañosa do concello de Santa Comba.
O camiñante buscará as Fontes do río Xallas, onde as augas dos regatos do seu nacemento na aba do monte Castelo vanse xuntando para ir collendo forza e baixar, primeiro cara as terras de Bazar, e logo cara a parroquia de Castriz.
O camiño comeza na histórica Escola de Bazar, centro de difusión cultural e social da parroquia, para ir baixando cara ao lugar da Castiñeira, onde empezamos a ver as formas do Río Xallas, cun fermoso percorrido, que forma unha toxa natural, entre as pontes do lugar. Desde Castiñeira empezaremos a subir cara a dereita, para ir buscando un herbal, con plantación, desde onde se escoitan e poden verse as primeiras augas dun Xallas que comeza a verter desde o monte Castelo, nun espazo de monte, apenas a 200 metros en liña recta, pero inaccesible, de momento.
Logo de saír do herbal, tomaremos a pista que encontramos á esquerda, para descubrir, logo duns 200m, un conxunto de mámoas significativas. Verémolas á dereita, colocadas en forma de forno, coñecida como “Pedra Fornalla”, megalito aparentemente non catalogado. Despois de superar a Pedra Fornalla, dirixirémonos en liña recta cara a estrada AC- 400. Nese cruce, xiramos primeiro á esquerda, para logo coller o primeiro cruce á dereita, para seguir pola aba do monte Castelo. Superando unha pequena costa, iniciamos a baixada e podemos ver, se miramos á dereita, o Centro de Estudo de Aves Rapaces.
Despois dunha baixada duns 300m, xírase á esquerda en dirección ao cemiterio novo de Bazar, onde se conecta coa pista que dirixe ao lugar de Boimente. Logo de 300m de pista asfaltada, xírase de novo á dereita para avanzar monte arriba co Xallas á nosa esquerda (a 50m deste xiro, hai un muíño de río, arranxado). Por este camiño bordéase un precioso espazo, ao lado do río, preto de Boimente, e séguese avanzando por camiños con árbores que sombrean o paso, en plena natureza á dereita e esquerda.
Logo de 2 km de marcha, hai un camiño á esquerda que se dirixe cara ao lugar de Frieiro, ao que non se chega, porque a 800m xírase a dereita para coller un precioso camiño que leva á escola vella de Castriz. A 50 m da escola, xírase á dereita e xa se collen as pistas, arranxadas recentemente, que dirixen, pola esquerda, cara ao espazo da Fervenza de Castriz.
Nesta zona pouco coñecida ata o momento, no río Mira, afluente do Xallas preto do seu nacemento, na parroquia de Castriz, está este marabilloso salto natural de augas, duns 8 metros de altura.
Nesa zona, o Concello de Santa Comba recuperou e rehabilitou 5 dos 7 muíños de auga, que teñen unha antigüidade duns 300 anos. Ademais, recuperouse unha contorna natural singular, e habilitouse como área de tempo libre con merendeiro, mesas e grelladas. Unha xoia natural oculta durante moito tempo, que agora loce con esplendor.
PUNTOS DE INTERESE
Fontes do Xallas (posible nacemento do río)
Pedra Fornalla (posible megalito; sen catalogar)
Fervenza de Castriz