Presentación

Que é o Leader?

O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “Procesos de abaixo cara arriba”. As estratexias ou programas específicos de desenvolvemento rural defínense no propio ámbito local do territorio, e as decisións sobre as liñas concretas de aplicación das axudas e mesmo dos proxectos que se financian son tomadas nese mesmo ámbito, logo dun amplo proceso participativo, por partenariados de axentes públicos e privados (na súa maioría privados por esixencia do programa)

Quen pode participar?

Todas as entidades públicas ou privadas que desenvolvan a súa actividade nas áreas territoriais definidas do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental, profesional, comunidades de montes etc. non só poden senón que deben implicarse no programa LEADER do seu territorio.

Como se pode participar?

O programa LEADER de cada territorio deséñao e execútao un Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Trátase dunha asociación constituída por todas as entidades do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental ou profesional que desexen implicarse. Estas entidades funcionan como calquera asociación sen fin de lucro e deben cumprir o principio de “portas abertas” polo que están obrigadas a admitir calquera organización do seu territorio que desexe participar no programa.

Como funcionan os GDR?

O Grupo de Desenvolvemento Rural elabora unha estratexia de desenvolvemento comarcal. Nela inclúense cales son as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do seu territorio do punto de vista produtivo, económico, dotacional, social etc. Esta estratexia preséntase á convocatoria do programa para o período 2007-2013 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente público xestor do programa LEADER en Galicia.

O grupo conta cunha estrutura técnica que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción para aplicar a estratexia deseñada para ese territorio co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro do programa. É o propio GDR quen se encarga de analizar e valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda, partindo duns criterios predefinidos. A decisión trasládase a AGADER que, logo de revisar que a atribución do GDR se axusta á normativa, resolve a concesión da axuda.

As subvencións

Calquera persoa física ou xurídica que promova un proxecto no ámbito de actuación dun Grupo de Desenvolvemento Rural pode solicitar unha subvención. Os promotores non precisan formar parte do GDR para obter financiamento do programa LEADER. O que se debe ter en conta é que en función do proxecto pode haber restricións adicionais que recolle a normativa de aplicación (ex: para os proxectos de natureza económica exclúense as grandes empresas).

A valoración do GDR determinará a porcentaxe de subvención para cada proxecto. Así e todo, para os proxectos de natureza produtiva – os que se destinan a producir bens ou prestar servizos orientados ao mercado – non han superar nunca o 50% de axuda pública. Pola contra, os proxectos de natureza non produtiva – os que se destinan á prestación de servizos públicos gratuítos, a dotacións ou a mellorar a calidade de vida no rural – poden chegar a acadar o 100% do financiamento, aínda que como norma xeral o promotor sempre deberá facer algunha achega.

Metodoloxía Leader

O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “procesos de abaixo cara a arriba”. A estratexia ou programa de desenvolvemento defínese no ámbito local ou comarcal e as decisións, liñas que se propoñen, proxectos que se financian…, son tomadas nese mesmo ámbito por unións (partenariados) de axentes públicos e privados, os chamados Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Implica unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só o sector primario, como no resto de dimensións sociais: equipamentos, servizos e dotacións públicas, patrimonio cultural, medioambiente, relacións sociais …

Incorpórase a innovación como un elemento relevante, non entendida unicamente como elemento tecnolóxico, senón como novos xeitos de enfrontar os procesos no territorio, a solución de problemas, a participación e implicación da poboación, a satisfacción das necesidades… Un último elemento definitorio da metodoloxía LEADER é o traballo en rede e a cooperación entre territorios xa que a aposta por un medio rural vivo pasa por establecer alianzas entre os distintos territorios rurais.

Programa LEADER AGADER
Conecta
Contacto

Cibran, nº 4 – San Xian de Sales
15885 VEDRA
E: info@terrasdecompostela.org
T: 981 818 357

Calidad