Terras de Compostela, Destino fluvial
Terras de Compostela é unha zona fondamente definida pola presenza de tres dos principais ríos de Galicia, tanto por caudal como pola súa riqueza faunística, florística, paisaxística e mesmo cultural: o Ulla, que a delimita polo sur, o río Tambre, que suca a súa parte central, e o curso alto do Xallas, que marca o seu límite setentrional.
A eses tres ríos principais súmanselle as súas redes de afluentes, conformando tres sistemas fluviais de características ben diferenciadas entre si, que lle achegan variedade paisaxística e diversidade natural a esta área. Pola súa importancia, entre os tributarios destacan o Sar e o Sarela, afluentes do Ulla, e o Dubra e o Barcala, no caso do río Tambre.
Trátase, en fin, dunha extensa área fluvial, intensamente definida polos numerosos ríos que sucan estes concellos.
Máis aló da súa riqueza piscícola, as características destes ríos garanten a presenza dunha variada fauna e dunha flora ripícola exuberante e diversa, composta por plantas e árbores de ribeira e especies acuáticas de gran vistosidade, pero tamén a existencia dun importante patrimonio descoñecido de muíños, pontes, pesqueiras, represas, canles, etc. de indudable interese.
A isto hai que sumarlle os actuais sendeiros á beira dos ríos, que aproveitan en moitos tramos os antigos camiños dos pescadores, así como as áreas recreativas fluviais, dotadas de moitos servizos, ou as praias e zonas de baño, e tamén os treitos aptos para a práctica de deportes de aventura acuáticos.