Ruta das Carballeiras
Inicio: Área recreativa de Bembibre
Fin: Área recreativa de Bembibre
Circular
Sendeirismo
4,2 km mínimo
1h
Dificultade Baixa
Todos os perfís
Este sendeiro atravesa as fermosas carballeiras do río Dubra no seu paso por Bembibre, chega ata as ruínas da ermida de S. Xoán Bautista, e acaba percorrendo as beiras do río, augas arriba cara Bembibre, terminando novamente na mesma Área Recreativa. A piscina municipal a zona de xogos infantís e o merendeiro constitúen un lugar ideal para concluír este paseo.
De interese
As carballeiras de carballo común (Quercus robur) son as principais formacións de bosque autóctono presentes nesta ruta. Ademais, tamén é habitual ver asociadas outras especies como cerquiños, sobreiras, acivros, castiñeiros ou loureiros, así como campos de cultivos, pradarías, matogueiras de toxo, xesteiras e zonas de repoboación.
A Capela de San Bautista, situada nunha zona despoboada de monte da parroquia de Coucieiro próxima a Bembibre, foi construída no século XVII sobre un posible templo medieval. Presenta plante lonxitudinal cunha sinxela fachada rematada nunha cruz. A súa importancia radica en que ata 1970 albergou dúas pequenas estatuas de nenos cantores do antigo coro do Mestre Mateo da Catedral de Santiago, onde ao parecer están na actualidade, formando parte da reconstrución instalada no Museo da Catedral.
A mediados dos anos 50 a ermida foi abandonada, restaurándose en 2009 e recuperando as concorridas romarías que se celebran na contorna. Tamén hai unha fonte con auga considerada milagreira e que recibe o nome de manancial de Augas Virxes. (en visita do 12 outubro, o sinal atópase caído no chan; o acceso á fonte non é identificable).
En canto ás vivendas tradicionais, destacan as de planta rectangular formando conxunto con outras edificacións auxiliares de tipo agrícola e gandeiro como fornos, cortes, palleiras ou alpendres. As casas, pertencentes á tipoloxía das agras coruñesas, están construídas en pedra e adoitan presentar planta baixa e unha altura con tellado a dúas augas coa estrutura de madeira cuberta de tella do país. TEXTOS EXTRAÍDOS DA RUTA PRG-202 FERVENZA DO REXEDOIRO, da que esta Ruta das Carballeiras forma parte.
PUNTOS DE INTERESE
Área recreativa de Bembibre
Ermida de San Xoán Bautista
Bosque autóctono
Arquitectura popular