Proxecto de cooperación Vía Mariana Luso Galaica
Proxecto de cooperación Vía Mariana Luso Galaica
Proxecto de cooperación financiado por AGADER e os Grupos de Desenvolvemento Rural, coordinado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta – Terra e Auga e desenvolvido entre 2025 e 2027. Participan seis GDR do sur e oeste de Galicia, desde o interior ata a costa, que abranguen 75 concellos e máis do 32 % da poboación galega. A iniciativa actúa maioritariamente en zonas rurais e despoboadas, conectadas con núcleos urbanos estratéxicos, para impulsar unha dinamización territorial equilibrada e inclusiva.

Proxecto de cooperación Vía Mariana Luso Galaica

Este proxecto de cooperación impulsa a recuperación e posta en valor dun itinerario histórico e cultural que conecta Galicia e o norte de Portugal a través da Vía Mariana, unha rede de antigos camiños de peregrinación entre santuarios marianos. Cun percorrido de máis de 350 km entre Braga e Muxía, a iniciativa dá a coñecer territorios rurais pouco visitados, favorecendo a chegada de peregrinos e visitantes e revalorizando a cultura popular, os servizos locais e a economía do rural.
A Vía Mariana concíbese como unha experiencia cultural, espiritual e de natureza, na que o propio camiño é o destino. O proxecto aposta pola creación dun novo produto turístico sustentable, estruturado como un club de produto, que promove un modelo de desenvolvemento rural baseado na identidade, o patrimonio e a colaboración local.
Obxetivos
Preténdese articular unha rede de cooperación entre a case totalidade dos GDR, 6 dos 7, polos que
discorre a Vía Mariana en Galicia e que será extensiva ao conxunto dos axentes económicos que
interveñen en cada territorio e que, en gran medida, son os protagonistas do proxecto.
Así destacamos os seguintes obxectivos:
Recuperar e preservar a cultura popular, así como revalorizar a economía local mediante o incremento do número de persoas que se achegarán a coñecer estes lugares de peregrinación.
Poñer en valor o patrimonio rural, tanto material (camiños, pasos, pontes, foxos de lobo, levadas, etc.) como inmaterial (lendas e tradicións, feitos históricos, usos e costumes, cantos e músicas, receitas, etc.)
Reactivar a economía rural. A maior parte destes camiños pasan por pobos e pequenas aldeas, espazos naturais e patrimonio cultural de gran valor que, sumados á calidade dos produtos locais, constitúen un verdadeiro caudal de recursos turísticos que han de artellarse e potenciarse adecuadamente.
Dinamizar á poboación local. Este proxecto nace desde abaixo cara arriba, xa que son moitos os axentes locais implicados na súa posta en marcha e desenvolvemento. Así, desde asociacións rurais a comunidades de montes, pasando por empresas, particulares e concellos, están a contribuír a dar soporte á Vía Mariana e facela unha realidade tanxible nun brevísimo prazo.
Contribuír a revalorizar a imaxe do medio rural mediante o coñecemento e divulgación desta iniciativa, así como dos valores e recursos que leva asociados empregando para iso elementos tecnolóxicos e estratexias innovadoras. Impleméntase unha nova visión do medio rural e o modo de achegarse a el, dun modo pausado, respectuoso e sostible.
Dar a coñecer unha parte significativa da Galicia rural e achegar a ela unha boa cantidade de peregrinos e visitantes que van a demandar produtos e servizos e que, seguindo o itinerario da Vía Mariana, van a coñecer de primeira man esa Galicia tan descoñecida converténdose así en prescriptores do itinerario.

