Terras de Santiago desenvolve unha campaña para promocionar os produtos locais e os recursos turísticos

 

O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, encargado da xestión do xeodestino Terras de Santiago, iniciou no mes de xuño unha nova campaña de promoción destinada a dar a coñecer tanto os produtos de proximidade e os mercados locais como os recursos turísticos existentes no seu territorio.

Baixo o título ‘Terras de Santiago, máis alá de Compostela’, o GDR impulsará en outubro e novembro a maior parte das accións. De carácter diverso, chegarán ao longo de toda a campaña a cada un dos once concellos que forman parte do xeodestino e incidirán na produción local, as paraxes naturais e o patrimonio histórico e inmaterial.

O programa botou a andar no mes de xuño coa Feira da Terra en Teo e continuou no mes de setembro en Padrón con visitas teatralizadas centradas na traslatio, a viaxe dende Palestina ata Galicia dos restos do Apóstolo, e coa Feira Labrega de Brión, celebrada a pasada fin de semana no centro comercial Monte Balado e na que o GDR promoveu dous showcooking nos que se empregaron froitas e produtos de horta da  asociación de produtores locais Daquí Darredor.

Neste mes de outubro, a primeira das citas levaranos a Vedra, onde o venres 4 se celebrará un Túnel do viño con marcas da Ribeira do Ulla, subzona da denominación de orixe Rías Baixas. A xornada desenvolverase na Casa da Cultura de San Miguel de Sarandón de 20.00 a 22.00 horas. As inscricións poden facerse por dúas vías facilitando os datos persoais: por mail na dirección cultura@concellodevedra.gal e por teléfono nos números 981 814 691 e 619 309 958.

Tamén en outubro, o GDR impulsará estoutras propostas: Ruta das Carballeiras en Val do Dubra o sábado 12, Xornada micolóxica en Santa Comba o domingo 20, Filloas da pedra e ruta literaria na Baña o sábado 26, visita teatralizada A montaña máxica da raíña Lupa en Rois e Feirando no rural en Negreira o domingo 27 e Xornada técnica sobre as filloas de Lestedo en Boqueixón o xoves 31 de outubro.

Xa en novembro, a campaña trasladarase a Ames para participar na Feira Tantomonte Monte Tanto o sábado 23.

Para desenvolver esta campaña, o GDR Terras de Compostela conta co apoio de Turismo de Galicia e de fondos europeos xestionados por Agader.