Ruta do Castro Lupario

  • Inicio: Xardín do Recordo

  • Fin: Xardín do Recordo

  • Circular

  • Sendeirismo

  • 3,6 km o percorrido máis curto e 4,5 km o máis longo

  • 1h

  • Dificultade: BAixa

  • Familias, Grupos de adultos

Desde a área de descanso de Angueira de Castro collemos o carreiro á beira do río Tinto, augas arriba cara ao Faramello, zona moi axeitada para días de sol e calor. Na ponte do pazo podemos proseguir pola beira do río ata xuntarse a poucos metros co percorrido principal (atallo non recomendado para todas as persoas) ou desviarnos por un camiño máis ancho e máis alto desde o que se divisan vistas do pazo que son moi recomendables.

Pasamos pola zona de repoboación de árbores autóctonas, actuación de gran valor ambiental, e polo Xardín do Recordo, espazo creado en memoria das vítimas do accidente do tren Alvia en Agrois no ano 2013. Ambos os dous espazos contribúen á mellora da contorna privilexiada do pazo do Faramello. Despois collemos un camiño ancho á esquerda para chegar á ponte Paradela, construción medieval recentemente restaurada nunha zona con encanto moi axeitada para descansar.

Desde a ponte Paradela imos por un pequeno carreiro paralelo á estrada que desemboca no camiño do Castro. Ao pouco atopamos a bifurcación da subida ao Castro ou de regreso a Angueira. A subida é empinada pero curta. A roza integral do castro Lupario en 2018 permítenos percorrer todo o recinto e gozar de vistas panorámicas. É un castro non escavado, é dicir, non veremos estruturas completas desenterradas senón algunhas ruínas que sobresaen, sempre con musgo. Os muros norte e sur si están á vista e ben conservados.

Baixamos polo mesmo camiño ata a bifurcación anterior onde seguiremos á dereita cara a Angueira de Castro. Tamén podemos regresar a esta aldea por Xinzo ou polo camiño inverso ao da ida, pola ponte Paradela.

Seguindo a ruta base imos atopar dous cruzamentos con tres camiños opcionais. O primeiro diríxese cara á área de descanso inicial, sen entrar na aldea, e non o recomendamos. O segundo é un carreiro pegado a un muro que nos leva á parte alta de Angueira. E se non collemos ningún dos dous anteriores e seguimos de fronte desde o muro, estamos ante o terceiro que vai ata un cruzamento de 5 camiños. Un deles vai ser o que nos leve á aldea, pasando preto do aparcadoiro. Calquera dos últimos son recomendables e todos están sinalizados. Angueira de Castro é unha aldea xeitosa e ben conservada. Atravesarémola para rematar a ruta dirixíndonos cara á área de descanso deste lugar.

PUNTOS DE INTERESE

Pazo do Faramello

Angueira de Castro

Ponte Paradela

VISOR INTERACTIVO

Asociación sen ánimo de lucro, modelo de partenariado público e privado, que implica a todos os actores locais, tanto as institucións, como o tecido asociativo así como a sociedade en xeral de seu ámbito territorial.

Contacto

Cibran, nº 4 – San Xian de Sales
15885 VEDRA
E: info@terrasdecompostela.org
T: 981 818 357
M: 689 245 170

Calidade