Paseo fluvial do Sarela
Inicio: Ponte Romaño
Fin: Ponte da Amañecida (ou, a moi pouca distancia, o Parque de Brandía)
NON Circular
Sendeirismo
7,2 km
2 hrs
Baixa
Grupos de adultos
Tamén chamado itinerario “De ponte a ponte polo Río Sarela”, discorre sobre camiños de ribeira, de pescadores, os vellos camiños dos muíños e os curtidoiros, e que hoxe en día forman un paseo cultural e de observación da natureza consolidado tanto no seu uso recreativo como didáctico. As beiras do Sarela están sementadas de construcións fabrís que marcaron unha época de esplendor industrial en Santiago. Estas construcións forman un percorrido pola historia menos coñecida da cidade.
Este paseo é un mundo á parte que se introduce no bosque e discorre completamente alleo á cidade suxerindo aventura, descubrimento e contacto directo coa natureza. Corre paralelo ás augas do pequeno río Sarela e permite constatar a importancia histórica que na articulación do territorio tiveron as canles fluviais: pontes, regos, canais, muíños, fábricas de curtidos… Estas últimas tiveron un papel moi relevante no desenvolvemento económico da cidade desde mediados do século XIX ata a metade do XX, tal e como queda patente ao longo deste percorrido –algunha delas ten sido rehabilitada como urbanización de vivendas, caso do Luar do Carme, no Carme de Abaixo-.
O sendeiro está sombreado, como se dunha pérgola natural se tratase, por carballeiras e vexetación típica das ribeiras galegas: ameneiros, bidueiros, salgueiros, etc.
Especial Interese botánico: flora de ribeira e de chan
Especial interese monumental / patrimonial: muíños, pontes, fábricas de curtidos
Amplas zonas de sombra
Posibilidade de recorrelo en bicicleta
Polo feito de ser un paseo fluvial situado en grande parte en zona urbana, pódese comezar a camiñar en moitos puntos da cidade, sen necesidade de desprazarse aos extremos do mesmo. Pola súa centralidade e pola dotación de aparcamento e outros servizos (cafeterías, etc.) recoméndase especialmente o Parque de Galeras.
PUNTOS DE INTERESE
Parque de Galeras e Parque da Finca do Espiño
Capela do Carme de Abaixo
Antigas fábricas de curtidos
Lavadoiros de Santa Isabel
Carballeira de San Lourenzo
Fontes, pontes, muíños, lavadoiros