IMPULSO DO SELO DE CALIDADE SICTED NO SECTOR TURISTICO
O GDR Terras de Compostela anima os profesionais do sector a sumarse ao selo SICTED de calidade turística
O GDR Terras de Compostela desenvolveu este mércores en Santiago unha xornada de sensibilización co obxectivo de sumar novos establecementos e servizos ao certificado SICTED de calidade turística en destino.
No ano 2019, o GDR Terras de Compostela foi a primeira comarca rural da provincia da Coruña e a segunda de Galicia en apostar polo SICTED, un selo de excelencia impulsado pola Secretaría de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Este selo aglutina ata 37 tipoloxías profesionais diferentes que dun xeito ou doutro están vencelladas ao sector turístico e ten como obxectivo que traballen de forma conxunta e homoxénea para aumentar a satisfacción dos viaxeiros nun determinado destino.
O GDR Terras de Compostela impulsa esta iniciativa coa idea de facer da calidade a súa marca diferencial á hora de atraer e fidelizar visitantes nos concellos rurais cos que traballa. Nas distintas edicións que leva desenvolvidas, foron beneficiarios desta formación medio cento de establecementos e servizos turísticos e corenta deles lograron a distinción superando os estándares marcados polo SICTED. As empresas distinguidas abranguen un amplo abano de actividades, dende locais de aloxamento e restauración ata profesionais do taxi.
A fin última do GDR Terras de Compostela é dinamizar o rural cun turismo de excelencia que incremente a profesionalidade do sector e a súa rendibilidade.
A xornada desenvolvida en Santiago centrouse en explicar o proxecto SICTED, cales son os seus obxectivos, que beneficios lles aporta aos establecementos e servizos certificados e que pasos deben dar para sumarse ao selo de excelencia en destino.
O plan formativo e de sensibilización do SICTED está financiado polo Plan de Sostibilidade Turística en Destino, axuda que recibiu o GDR Terras de Compostela no ano 2022.