Distinción Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos 2025

Un total de 34 profesionais de establecementos e servizos vencellados ao turismo na contorna compostelá recibiron esta mañá o diploma que acredita a súa formación no Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino, SICTED. O acto de entrega das certificacións celebrouse no Hotel Congreso, de Teo, e contou coa presenza do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e a presidenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey.

O GDR Terras de Compostela, entidade xestora do xeodestino Terras de Santiago, impulsa esta iniciativa dende o ano 2019 coa idea de facer da calidade a súa marca diferencial á hora de atraer e fidelizar visitantes aos concellos rurais que aglutina. Nas sete edicións formativas que leva desenvolvidas, son xa máis de sesenta os profesionais do sector turístico da zona que superaron os estándares marcados polo SICTED. “Nun contexto de turismo masificado e moi competitivo, o que queremos tanto nós como os establecementos da zona que se suman a este selo de calidade é diferenciarnos como un destino recoñecido pola súa excelencia”, sinalou Guarina Rey.

A presidenta de Terras de Compostela recordou que este GDR foi o primeiro da provincia da Coruña en promover a formación do SICTED e que a meirande dos establecementos adheridos renovan ano a ano o seu compromiso coa calidade. Guarina Rey incidiu no obxectivo de traballar por un turismo sostible que actúe como motor económico e avogou polo traballo en equipo. “Queremos atraer e fidelizar visitantes e queremos tamén incrementar a rendibilidade do noso sector turístico.

Traballar xuntos é fundamental e precisamente esta formación do SICTED facilitou que, ao longo destes últimos anos, diferentes empresas turísticas puidesen intercambiar aprendizaxes e experiencias para ser mellores cada día”, sostivo.

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, recalcou tamén a “aposta pola calidade e a excelencia en cada un dos servizos que se ofrecen” para facer dos concellos do xeodestino Terras de Santiago “un referente turístico recoñecido” e animou as distintas administracións a facilitar as ferramentas necesarias para que “a propia veciñanza coñeza os nosos tesouros e os puntos de interese” de cara á súa promoción.

Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, insistiu na idea de publicitar os atractivos turísticos da zona para que se coñezan e atraian visitantes. Apuntou, ademais, a superación de novos retos de cara a incrementar a rendibilidade do sector turístico.

Pechou o acto o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que destacou en primeiro lugar o alcance do selo SICTED a todos os sectores implicados nas experiencias turísticas, ata recoller un total de 37 tipoloxías de servizos diferentes. Subliñou así mesmo o peso que o turismo ten na economía galega e recordou que a nosa comunidade leva varios anos marcando récords en número de visitantes e de gasto medio por visitante, para concluír que “Galicia é un dos destinos españois con maior proxección turística”.

Profesionais distinguidos

Os diplomas que hoxe se entregaron responden ás formacións que se realizaron durante o ano 2024.

Por primeira vez recibiron a certificación do SICTED a axencia de viaxes Viandotreks e o guía turístico Guía da Amaia, de Ames; o aloxamento de turismo rural A Casa do Folgo, da Baña; a cafetería Codia Sacra, a panadería Fachal e o aloxamento turístico Casa Bela II, de Boqueixón; o Museo Terras do Xallas, de Santa Comba; a Casa Cañotas de Val do Dubra; e o Bar Barreiro, o Fogar do Ulla e A Casa de Abaixo, de Vedra.

As outras 23 certificacións recibíronas empresas que renovaron o seu compromiso co selo de calidade.