A presidenta do GDR Terras de Compostela, Mª Guarina Rey, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e a directora de Agader, Paz Rodríguez, visitaron en Boqueixón o complexo 𝐄𝐧𝐨𝐭𝐮𝐫𝐢𝐬𝐦𝐨 𝐌𝐚𝐫𝐢́𝐚 𝐌𝐚𝐧𝐮𝐞𝐥𝐚, un proxecto composto por 9 cabanas de madeira que a conselleira cualificou como “exemplo de emprendemento e dinamización no rural”.

A iniciativa impulsada polo GDR conta cun investimento de máis de 310.000 euros procedentes da medida Leader. Con este orzamento contribuíuse á construción deste complexo e a súa posterior ampliación a través de dúas axudas.

Na visita tamén participaron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o tesoureiro e a xerente do GDR Terras de Compostela, Juan Martínez e Chefa Fernández, respectivamente. Os propietarios, Nieves Millán Guzman e Moisés Rodríguez Rodríguez explicáronlle a comitiva como xurdiu a idea de montar o completo Enoturismo María Manuela, e as características do mesmo.

A conselleira salientou que o proxecto encaixa nos obxectivos marcados polo programa Leader, que procuran impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa, baseada nun enfoque de abaixo arriba, garantindo a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas. Ademais, engadiu, contribúese a mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural; así como para dinamizar o tecido socioeconómico destas zonas, impulsando a súa economía con proxectos que xeran postos de traballo e asentan poboación.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asinou o ano pasado un novo convenio de colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural para a aplicación de Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Polo tanto a medida Leader, que se atopa no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027, está dotada de 56,9 millóns de euros ata 2027.

Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020

Mentres o programa Leader estivo incluído na medida 19 do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 permitiu aprobar case 1.500 proxectos, consolidar máis de 3.200 empregos e crear 933 novos. Deste xeito, mobilizáronse algo máis de 169 millóns de euros, cunha axuda pública de 77,5 millóns para operacións a terceiros.