15 Aniversario Terras de Compostela
15 Aniversario Terras de Compostela
O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela celebrou esta mañá o seu 15 aniversario no pazo de Vista Alegre cun emotivo acto que contou con preto dun cento de participantes, que tiveron a ocasión de coñecer de primeira man tres dos 142 proxectos que o GDR apoiou durante estes anos. Entre os asistentes, contábanse alcaldes e concelleiros dos nove concellos da contorna de Santiago cos que traballa o GDR (Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Val do Dubra e Vedra), así como a presidenta de Agader, Inés Santé.
Guarina Rey, presidenta do GDR Terras de Compostela, foi a encargada de facer un repaso polos quince anos de historia do grupo de desenvolvemento rural. Sinalou que, neste tempo, a entidade xestionou un total de 19 millóns de euros, 11 correspondentes a fondos privados e os outros oito a axudas públicas. Con eles, puideron apoiar iniciativas que permitiron crear 107 postos de traballo e manter outros 310.
“Pero máis alá dos números, o que importa é que detrás dos 142 proxectos que apoiamos hai 142 emprendedores que viron no rural unha oportunidade e que detrás dos 417 empregos hai outras tantas persoas que traballan no rural e, en moitos casos, tamén viven no rural”, indicou.
Guarina Rey tamén recordou que o GDR xestiona dende 2019 o xeodestino turístico Terras de Santiago e, coa fin de promocionar o territorio e profesionalizar o sector, foi unha das primeiras áreas rurais de Galicia en apostar polo Sistema Integrado de Calidade en Destino (SICTED). Ademais, recentemente acaba de asinar un convenio para desenvolver o Plan de Sostibilidade Turística en Destino.
O acto serviu tamén para facerlle unha pequena homenaxe a Carlos Martínez, quen foi presidente do GDR durante oito anos e ocupa agora o posto de secretario. O alcalde de Vedra agradeceu o traballo desempeñado durante todos estes anos pola xerente do GDR, Chefa Fernández, e as técnicas Isabel Covela e Xisela Mosquera. Incidiu así mesmo na importancia da colaboración público-privada e entre os diversos concellos e asociacións que forman parte da directiva da entidade. “Malia as diferenzas que puidéramos ter, sempre, e digo sempre, conseguimos chegar a acordos porque queremos que ese rural vivo que impulsamos cumpra moitos anos máis”, incidiu.
Iniciativas de moi diversa índole
Como mostra de iniciativas que contaron co apoio do GDR, tres beneficiarios contaron a súa experiencia noutros tantos casos de éxito en eidos moi diferentes. Lucía Ferreiro falou de Daquí darredor, coworking de Brión adicado á transformación de alimentos; Juan Soriano explicou en que consiste o labor de Entretempo, asociación sen ánimo de lucro que facilita a inclusión laboral de persoas con problemas de saúde mental comercializando os produtos dunha horta ecolóxica; e Nieves Millán contou como naceu e medrou María Manuela Enoturismo, proxecto de enoloxía que se ampliou con cabanas de aloxamento rural.
Os GDR son os órganos que deseñan e executan o programa Leader, que naceu co obxectivo de que fosen as propias xentes e asociacións do rural quen decidisen as actuacións a desenvolver. Así o lembrou Inés Santé, directora da Axencia de Desenvolvemento Rural (Agader). Encargada de pechar o acto de aniversario, adiantou que a Xunta de Galicia está a piques de aprobar novas estratexias do programa leader adaptadas á transición ecolóxica e dixital.
Uns petiscos puxéronlle fin a unha festa na que sortearon tamén estancias e comidas nos establecementos da zona, lotes de viño ou experiencias de turismo activo, ademais de camelias brancas. Con elas, dixo Chefa Fernández, o GDR quixo simbolizar a estima e gratitude cara todas ás persoas que acompañaron a súa traxectoria durante estes quince anos.